Ir á páxina
Charlatana

Quen somos

CHARLATANA é un espazo de creación, produción e distribución cultural.

Traballamos desde a cooperación para desenvolver proxectos artísticos e producir todo tipo de eventos, cun obxectivo común: divertir, educar e xerar pensamento crítico. Entendemos a cultura como un espazo de encontro, diálogo e transformación social.

A través do humor, o diálogo co público e a escena como lugar compartido, os proxectos de Charlatana incorporan valores como a igualdade, a cooperación, a sustentabilidade e a defensa da cultura e da lingua galegas.

Desenvolvemos espectáculos, programacións e eventos culturais adaptados a contextos diversos, tanto en espazos urbanos como rurais, e dirixidos a públicos de todas as idades. Traballamos en colaboración con administracións públicas, entidades culturais, centros educativos e proxectos comunitarios.

Desde Charlatana ofrecemos servizos integrais de produción e xestión cultural, acompañando todo o proceso: desde a idea inicial e o deseño da proposta ata a coordinación, produción e desenvolvemento final de cada proxecto. Apostamos por procesos coidados, flexibles e adaptados ás necesidades de cada contexto e territorio.

  • Brais Gutierrez “Brais das Hortas”

    Na TROPA DE TRAPO toca guitarra eléctrica, clásica, acústica e portuguesa, laúde árabe, frauta chinesa, caixón, batería de refugallo, darbouka, karkaba, kalimba, beatbox, harmónica, antenas tubulares, melódica, efectos sonoros...

    • Músico dende 1996. Actualmente, en grupos como Sacha na Horta e Blues do País.
    • Músico e clown no espectáculo de Peter Punk: Peter Punk e o neno imperdible.
    • Formou parte da Banda Fura Fura, que homenaxeou a Zeca Afonso.
    • Compón e grava BSO para A Tropa de Trapo, Peter Punk, Titereficciós (BSO de Chove, espectáculo para bebés).
  • Marta Ortiz

    Estudou Maxisterio de Primaria, especializouse en Literatura Infantil e Realización de Audiovisuais e Espectáculos. Formouse en Narración Oral e Teatro. Deseñou e organizou actividades de animación á lectura, fomento da oralidade e teatro social.

    Narradora oral dende 2007 para público de todas as idades. Fundou con Brais das Hortas a compañía Tropa de Trapo coa que realiza espectáculos de teatro, música e narración oral. En Matrioskas conta para público adulto xunto a cantautora Sofía Espiñeira.

  • Isaac Rodríguez “Peter Punk Pallaso”

    Iniciou estudos en Pedagoxía e Educación Infantil. Pallaso. Foi parte da compañía de teatro afecionado Tranghallada Teatro (do IES Val Miñor de Nigrán). Malabarista e pallaso en diversas empresas de animación. Integrante do espectáculo musical e itinerante Xabaxira, do programa infantil da TVG Xabarín Club. Integrante nun espectáculo de Os Sete Magníficos Máis Un. Fundador e integrante da compañía unipersonal Peter Punk Pallaso.

  • Eva Triñanes

    Produtora e xestora cultural

    Eva Triñanes é produtora, xestora cultural e creadora, con experiencia no ámbito das artes escénicas, da música e da produción de eventos culturais. Desenvolve o seu traballo na creación, produción e xestión de proxectos culturais, así como na coordinación de programacións e eventos en contextos diversos.

    Compaxina o labor de produción e xestión coa creación escénica e co desenvolvemento de proxectos audiovisuais de carácter documental, cunha especial atención aos procesos, ao traballo en equipo e ao impacto cultural dos proxectos.