Factoría de Subsistencia
Factoría de Subsistencia está integrada por artistas que sempre estiveron relacionados coas músicas deste país ata que, por fin, cruzaron os seus camiños para poñer en marcha este proxecto común. Os aromas de Korosi Dansas, Magritte, Xestreu, Carapaus, Emilio Rúa, e outros dos moitos proxectos nos que participaron, flúen ao longo da súa discografía, que navega descaradamente polas augas do rock alternativo.
O grupo ten publicados dous discos Cerca da túa orella (2015) e Amores fratricidas (2019). No 2023 publicaron o seu novo traballo Respirando… sempre!!
Todas as súas creacións musicais caracterízanse por ter un ollo posto na realidade do país e o outro na creación artística do noso país veciño Portugal.
Os temas que, nun primeiro momento saen dos miolos de Josito Porto, pasan por un proceso creativo e colaborativo da banda, creando pezas de gran calidade e enerxía que se exhiben sen pudor nos seus directos. Dentro deste universo musical creado por Factoría de Subsistencia, resulta inevitable que exista unha forte presenza teatral na procura da comuñón co público.